Belén do Campo clausura el taller de empleo Ames-Brión en el que se formaron 20 personas en montaje y mantenimiento de instalaciones solares fotovoltaicas

Belén do Campo clausura el taller de empleo Ames-Brión en el que se formaron 20 personas en montaje y mantenimiento de instalaciones solares fotovoltaicas

A delegada da Xunta participou no peche deste taller de formación que contou cun apoio da Xunta de 546.000 euros e anunciou que estes concellos volverán a contar cun novo taller de formación este ano

A representante do Goberno autonómico destacou que con estes dous obradoiros a Xunta inviste en Ames-Brión case un millón de euros

Ames (A Coruña), 21 de novembro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na clausura do obradoiro de emprego dual de Ames xunto a Brión  Renova VI no que se formaron a 20 persoas en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. A delegada destacou que este taller de emprego péchase despois de 12 meses, grazas a un investimento da Xunta de máis de 546.000 euros, no que os 20 alumnas e alumnos realizaron 24 actuacións de mantemento xeral e das instalacións fotovoltaicas en piscinas, depuradoras, campos de fútbol ou escolas infantís entre outros espazos públicos de ambos municipios.

Na súa intervención a representante do Goberno autonómico anunciou que Ames e Brión volverán a contar cun novo obradoiro, este ano, Renova VII,  coa mesma temática e cun apoio de máis de 411.000 euros que permitirá seguir formando a outras 20 persoas sen emprego destes dous municipios, ao mesmo tempo que colaboran coa prestación de servizos de mantemento das instalacións e espazos públicos para optimizar o seu funcionamento. A representante do Goberno autonómico destacou que con estes dous obradoiros a Xunta inviste en Ames-Brión case un millón de euros

A través deste taller de formación leváronse a cabo varias actuacións en Ames, destacando, a instalación de placas fotovoltaicas nas depuradoras de Sisalde, Ameixenda e Milladoiro, , nas piscinas municipais, no centro de formación de emprego, nos campos de fútbol de Bertamiráns e Milladoiro, no pavillón polideportivo de Bertamiráns e o mantemento e conservación de fontes e das piscinas municipais.

En Brión instalouse o bombeo na piscina municipal de Bastavales, e instaláronse placas fotovoltaicas no espazo colaborativo Transformando, no seu centro social polivalente e sobre a pérgola da biblioteca, incluíndo tamén o mantemento e conservación de fontes e das súas piscinas. En total, entre os dous concellos, leváronse a cabo 24 intervencións.

Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo – incidiu - é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación recibida para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque estades preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.

Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.

Estes obradoiros –que poden ser solicitados por concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal- perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporán a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade.

Os obradoiros duais

Na convocatoria de 2024-2025, ofrécense 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna.

O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta. 

Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

A Xunta de Galicia encargarase, no caso dos obradoiros duais de emprego, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal...), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.

Cómpre engadir que desde o ano 2009 o Goberno autonómico leva asignado case  490,7 millóns de euros para este tipo de accións, acadando preto dun milleiro de obradoiros duais realizados con ao redor de 21.000 participantes en toda Galicia.

Últimas noticias