La Xunta anima al tejido empresarial a participar en la descarbonización de la economía gallega a través del sistema de certificado de ahorro energético

La Xunta anima al tejido empresarial a participar en la descarbonización de la economía gallega a través del sistema de certificado de ahorro energético

 Subliña o crecemento exponencial do número de solicitudes no que levamos de ano ata alcanzar a cifra de 93, cun aforro enerxético de 470 GWh  

Apunta que este sistema incentiva o investimento en tecnoloxías eficientes, fomenta a innovación, ademais de xerar beneficios sociais  e económicos e reducir os custos para os consumidores

Vigo, 22 de abril de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, animou esta mañá ao tecido empresarial galego a participar no sistema de Certificado de Aforro Enerxético (CAE) para gañar en competitividade e avanzar no proceso de descarbonización da economía galega. O representante da Administración autonómica fixo este chamamento no transcurso da inauguración do encontro empresarial Impulsa o teu negocio cos certificados de aforro enerxético, organizado polo Círculo Empresarios de Vigo e Iberdrola. 

Fernández Vila explicou que o Certificado de Aforro Enerxético (CAE) é un documento electrónico que acredita a consecución dun aforro no consumo de enerxía final logo da implantación de proxectos ou medidas de eficiencia enerxética. O obxectivo, tal e como expuxo o director xeral, é incentivar o investimento en tecnoloxías eficientes, fomentar a innovación, reducir custos para os consumidores, ademais de xerar beneficios económicos e sociais ao permitir o intercambio de eficiencia por diñeiro e promover un sector empresarial máis competitivo. E, ao fío, lembrou que cada CAE representa un valor unitario de 1 kWh de aforro anual no consumo de enerxía final. 

Neste contexto, Pablo Fernández gabou o esforzo que están a facer as empresas galegas para incorporar esta medida tal e como pon de relevo a cifra de actuacións rexistradas no que levamos de ano: 93 cun aforro enerxético de 470 MWh. “Un crecemento exponencial – subliñou – se os comparamos cos datos do ano 2024, no que se solicitaron 67 actuacións cun aforro estimado de 421,9 GWH e que situaron á Comunidade galega como a segunda rexión en termos de aforro certificado”.  E, ao fío explicou que malia que os suxeitos obrigados a participar deste sistema podían facer achegas mediante CAE para cumprir cos obxectivos de aforro do Sistema Nacional de Obrigas de Eficiencia Enerxética ata un 65%, os CAEs unicamente representaron o 28% no ano 2024.

Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas fixo un chamamento a administracións e tecido empresarial a incorporar o sistema CAE na súa planificación enerxética e para aqueles que xa o teñan implementado, a divulgar os seus beneficios para progresar no camiño cara unha economía máis verde, sustentable e competitiva.

O sistema CAEs -orixinado en 2023 para dar cumprimento aos obxectivos de eficiencia enerxética fixados, tanto a nivel europeo como nacional-, establece a posibilidade de que determinadas entidades como poden ser as comercializadoras de gas e electricidade ou aos operadores de produtos petrolíferos ou gases licuados, entre outros, poidan cumprir coas súas obrigas de aforro enerxético a través destes certificados que permiten á ciudadanía beneficiarse de contraprestacións económicas polas súas actuacións en eficiencia enerxética.

Últimas noticias