El observatorio de la eólica marina manifiesta la importancia de aplicar el conocimiento científico para el desarrollo del sector en Galicia

El observatorio de la eólica marina manifiesta la importancia de aplicar el conocimiento científico para el desarrollo del sector en Galicia

Convocará a expertos do Instituto Español de Oceanografía para coñecer os avances  dos estudos que están a realizar sobre o desenvolvemento das enerxías renovables no mar nas zonas afectadas polos Planes de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) e os seus efectos sobre os ecosistemas mariños

Os tres axentes integrantes do Observatorio -Xunta, Asime e sector pesqueiro- denuncian a discriminación a Galicia e lamentan que non se atendan as alegacións conxuntas presentadas ao Real Decreto que regula a enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar

Lorenzana contrapón esta actitude coa política de consenso e colaboración cos sectores e colectivos implicados que está a desenvolver o Goberno galego

Neste sentido, subliña que a Lei de Recursos Naturais de Galicia e a posta en marcha da comercializadora de RDG permitirá aproveitar a enerxía que xeren os parques eólicos mariños para beneficiar aos sectores e colectivos implicados

Alfonso Villares reitera o compromiso da Xunta de garantir a coexistencia e compatibilidade do desenvolvemento da eólica mariña coa actividade pesqueira da comunidade e lembra que todos os proxectos deberán cumprir coa Lei 4/2023 de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024

O Observatorio da Eólica Mariña de Galicia acordou esta tarde convocar a expertos do Instituto Español de Oceanografía para coñecer de primeira man os avances dos estudos que están a realizar sobre o desenvolvemento da eólica mariña nas zonas afectadas polos Planes de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) e os seus efectos sobre os ecosistemas mariños.

Os tres axentes integrantes do Observatorio -Xunta, Asime e sector pesqueiro- coincidiron, durante a reunión, na discriminación do Goberno central a Galicia e lamentaron que non se atendan as alegacións conxuntas presentadas pola Comunidade galega ao Real Decreto que regula a enerxía en instalacións situadas no mar.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu esta tarde o Plenario do Observatorio onde contrapuxo a actitude do Executivo de España coa política de consenso e colaboración con todos os sectores e colectivos que está a desenvolver o Goberno galego. “Unha mostra máis -dixo- do compromiso da Xunta por promover o diálogo e a colaboración entre o sector industrial e o marítimo-pesqueiro como marco para a planificación da eólica mariña en Galicia”.

Neste sentido, Lorenzana subliñou que a Lei de Recursos Naturais, que se aprobará este mesmo mes no Parlamento, e a posta en  marcha de RDG Comercializadora Galega de Enerxía -primeira e única en todo o Estado español- permitirá aproveitar a enerxía que xeren os parques eólicos mariños para repercutir positivamente na sociedade. “Con estas dúas ferramentas chave da nosa política enerxética atendemos as demandas e as necesidades daquelas persoas e sectores que teñen que convivir no entorno dun parque eólico mariño”, apuntou.

Así mesmo, indicou que ten claro que Galicia “pode ser un referente en xeración e loxística industrial desta tecnoloxía”, pero que “o seu desenvolvemento require dunhas claras garantías de coexistencia e compatibilidade co medio mariño e coa actividade pesqueira”. Polo tanto “é preciso apostar por esta tecnoloxía pois trátase de proxectos tractores da cadea de valor”, subliñou.

Mentres, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reiterou o compromiso da Xunta por garantir a coexistencia e compatibilidade do desenvolvemento da eólica mariña coa actividade pesqueira da comunidade; e ademais lembrou que todos os proxectos deberán cumprir coa Lei 4/2023 de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. Nesta liña, criticou a xestión do Goberno central xa que seguen sen incorporar ao Real Decreto información detallada dos caladoiros de pesca existentes de tal xeito que ambas actividades podan desenvolverse e facilite a identificación de novas zonas que non entren en conflito coa actividade pesqueira.

Así, resaltou que resulta imprescindible definir as superficies afectadas no desenvolvemento de proxectos eólicos mariños e enerxías do mar e identificar capacidades socioeconómicas das áreas próximas de tal que xeito que permita consolidar a cadea de valor asociada a este sector. Para iso é fundamental o intercambio de información entre Administracións, promotores e representantes do sector pesqueiro, que permita chegar a consensos entre as partes implicadas, como se está a facer desde Galicia no marco do Observatorio da Eólica Mariña.

Por último volveu a expresar as súas críticas os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) en cuxa planificación e deseño non se contou coas CC.AA. nin cos sectores implicados. Por este motivo acusou ao Goberno central de insensibilidade ao non garantir e imprescindible compatibilidade entre os parques eólicos, a pesca e a preservación dos ecosistemas. 

Alegacións ao Real Decreto

As alegacións consensuadas no Observatorio da Eólica Mariña ao Real Decreto do Goberno central recentemente publicado, pasaban por que os criterios non económicos de avaliación dos proxectos representasen, como mínimo, o 50%; por que o diálogo público-privado fose obrigatorio, e pola importancia de establecer medidas compensatorias ao sector pesqueiro. Estas peticións van en liña cos preceptos da Lei de Recursos Naturais de Galicia.

“Pediamos que ese RD se adaptase ao que estamos facendo nós na Lei de Recursos, é dicir, que tivesen máis peso os criterios sociais nas adxudicacións das poxas e que se reflexasen de xeito concreto as compensacións económicas ou doutro tipo que vai ter o sector pesqueiro”, resaltou Lorenzana.

Esta normativa regula a obrigatoriedade dos promotores de proxectos vinculados cos recursos naturais de Galicia a repercutir no territorio unha parte dos seus beneficios. E, nese sentido, desde o momento en que RDG pon en marcha a comercializadora, calquera empresa asociada vai poder xustificar o cumprimento do establecido na lei.

Polo tanto, o Goberno galego apoia o desenvolvemento da enerxía eólica mariña sempre garantindo a compatibilidade cos recursos pesqueiros, co medio mariño e co medio ambiente, e incidindo na repercusión dos beneficios sociais e económicos que se teñen que quedar en Galicia.

Neste marco, a titular de Economía e Industria sinalou  que “estamos empregando unha política enerxética social, esta é a base que está na Lei de Recursos Naturais de Galicia e da nova comercializadora, transformar o aproveitamento dos recursos naturais nunha riqueza social”, dixo.

Últimas noticias