La Xunta confirma su apuesta por las renovables para reducir la dependencia energética del exterior

La Xunta confirma su apuesta por las renovables para reducir la dependencia energética del exterior

Subliña que a nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia permitirá avanzar neste camiño cara á descarbonización e o autoabastecemento

Reclama o papel das zonas experimentais de enerxías mariñas para avanzar no desenvolvemento dun sector “fundamental” no binomio enerxía-industria, pero garantindo sempre a coexistencia e compatibilidade co medio mariño e coa actividade xa implantada

Destaca o labor do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) na xestión dos certificados autonómicos de aforro enerxético (CAEs) e compromete a continuidade dos apoios do Goberno galego no proceso de transición  cara unha mobilidade máis eficiente

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na inauguración do congreso Energy Days organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). O acto, celebrado na Cidade da Cultura, no que se reuniron máis de 120 profesionais do sector industrial e enerxético, abordou temas como a eficiencia enerxética, a mobilidade eléctrica ou a dixitalización.

Durante a súa intervención, Fernández Vila incidiu na importancia de apostar polas enerxías renovables nun territorio rico nestes recursos coma é Galicia e, deste xeito, seguir reducindo a dependencia enerxética do exterior. Nesta liña, a nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia impulsada pola Consellería de Economía e Industria servirá de aval para que esa riqueza natural se transforme en riqueza social, garantindo que os proxectos que aproveiten os recursos naturais beneficien á cidadanía galega.

Na mesma liña, o director xeral de Planificación enerxética e minas apuntou a importancia das zonas experimentais de enerxías mariñas para avanzar nun sector “fundamental dentro do binomio enerxía-industria”, pero garantindo sempre a coexistencia e compatibilidade co medio mariño e coa actividade xa implantada .  “Contar cunha área de ensaio onde levar a cabo actividades que favorezan o desenvolvemento tecnolóxico e de estudios relacionados co medio mariño, a biodiversidade e os recursos enerxéticos renovables nos permitirá seguir avanzando nos eidos enerxético, medioambiental e socioeconómico”, asegurou. E, ao fío, lamentou que o Real decreto que regula o réxime autorizatorio da eólica mariña “chegue con dous anos de retraso e continúe sen dar seguridade xurídica ao sector”.

Sobre a mobilidade sustentable, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas confirmou que a Xunta seguirá apoiando o proceso de transición a vehículos máis eficientes, incentivando a demanda con máis axudas e menos burocracia e cunha maior planificación e investimento en infraestruturas e redes de abastecemento e transporte.

Por outra banda, Pablo Fernández Vila salientou o labor do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) como xestor dos certificados autonómicos de aforro enerxético. Ata o momento, o Inega aceptou solicitudes que representan arredor de 30 GWh de potencia.

Por último, o director xeral fixo referencia á dixitalización, onde a intelixencia artificial é unha das principais protagonistas. Neste punto, compartiu a necesidade de dispoñer dun marco ético recoñecible, seguro e aceptado por todos para o seu axeitado desenvolvemento. Por iso, a Xunta está tramitando a Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que converterá á Comunidade na primeira rexión europea en dispoñer dunha regulación única, sistemática e coherente cos principios comunitarios na materia.

Últimas noticias