La Xunta convoca las ayudas para incentivar proyectos de ahorro y eficiencia energética en las empresas gallegas

La Xunta convoca las ayudas para incentivar proyectos de ahorro y eficiencia energética en las empresas gallegas

A convocatoria conta cun orzamento de 7,5M€, financiado con fondos comunitarios do programa operativo Feder-Galicia 2021-2027, e a previsión é chegar a mobilizar ata 30M€ de investimento público-privado

A axuda máxima por empresa beneficiaria será de 2M€ en función do aforro enerxético xustificado, e estímase que contribúan a xerarlles aforros económicos de 4,5M€ anuais no seu abastecemento enerxético

Estas axudas permitirán a creación ou mantemento de 173 postos de traballo entre directos e indirectos, un aforro anual de enerxía equivalente a 5,1 millóns de litros de gasóleo (52.000 MWh/ano) e unha redución de emisións similar á plantación de 825.000 árbores

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a liña de axudas que a Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), pon á disposición das empresas e autónomos galegos para que poidan acometer proxectos de aforro e eficiencia enerxética e reducir, así, a súa factura eléctrica.

A convocatoria conta cun orzamento de 7,5M€, financiado con fondos comunitarios do programa operativo Feder-Galicia 2021-2027, e a previsión é chegar a mobilizar ata 30M€ de investimento público-privado. A axuda máxima por empresa beneficiaria será de 2M€ en función do aforro enerxético xustificado, e estímase que contribúan a xerarlles aforros económicos de 4,5M€ anuais no seu abastecemento enerxético.

Ademais, estas axudas permitirán a creación ou mantemento de 173 postos de traballo, entre directos e indirectos, un aforro anual de enerxía equivalente a 5,1 millóns de litros de gasóleo (52.000 MWh/ano), e unha redución de emisións equivalente á plantación de 825.000 árbores (16.500 t).

Entre as solicitudes recibidas en convocatorias anteriores figuran proxectos para renovación de maquinaria industrial como compresores de aire ou equipos de frío, a instalación de variadores de frecuencia en motores e economizadores en caldeiras, a substitución da iluminación actual por tecnoloxía LED, o aproveitamento de enerxías residuais mediante intercambiadores de calor, instalacións de aproveitamento de enerxía xeotérmica e aerotérmica para climatización, a realización de auditorías enerxéticas en pemes e a implantación de equipos de medida e sistemas de procesado de datos para a optimización do consumo enerxético.

Nos últimos once anos, a Xunta leva concedido 1.640 axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nos sectores industria, servizos e agrícola cun orzamento total de 55,6M€. O aforro de enerxía final asociado equivale ao consumo eléctrico de 185.000 fogares (47.300 tep/ano); e a redución de emisións, á plantación de 6,7 millóns de árbores (a 136,4 kt/ano).

Últimas noticias