Lorenzana anuncia que a Xunta presentará alegacións ao Real Decreto que regula a eólica mariña e as enerxías do mar

Lorenzana anuncia que a Xunta presentará alegacións ao Real Decreto que regula a eólica mariña e as enerxías do mar
Lorenzana anuncia que a Xunta presentará alegacións ao Real Decreto que regula a eólica mariña e as enerxías do mar

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, participaron hoxe na reunión do Observatorio da Eólica Mariña

Precisa que un dos motivos para alegar é que o novo texto reduce a non máis dun 30 por cento a valoración dos criterios que non sexan económicos, de tal xeito que non insiste como debera na ponderación dos beneficios sociais

Subliña que a postura de Galicia é clara: apoio ao desenvolvemento da enerxía eólica mariña sempre garantindo a compatibilidade cos recursos pesqueiros, co medio mariño e co medio ambiente, e incidindo na repercusión dos beneficios sociais e económicos que se teñen que quedar en Galicia

Avanza a intención do Goberno galego de promover unha declaración a través do Observatorio da Eólica Mariña para solicitar ao Executivo central apoio para o proxecto da plataforma experimental de Punta de Langosteira

Adianta que, esta mesma semana, así llo solicitou por carta o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, á que lle pediu que se teña en conta este proxecto e se lle dea axilización por ser “idóneo” para avaliar a buscada compatibilidade desta tecnoloxía co medio mariño

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia presentará alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, presentado o pasado mes de febreiro polo Goberno central.

Lorenzana, acompañada do conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, participou hoxe nunha xuntanza do Observatorio da eólica mariña, convocada coa finalidade de recoller as suxestións dos sectores implicados para, dixo, “ter unha postura inequívoca desde a comunidade autónoma de Galicia en relación ao contido deste real decreto”.

Segundo explicou, esa postura é clara: “Apoio ao desenvolvemento da enerxía eólica mariña sempre garantindo a compatibilidade cos recursos pesqueiros, co medio mariño e co medio ambiente, e incidindo na repercusión dos beneficios sociais e económicos que se teñen que quedar en Galicia”, abondou.

Partindo desa premisa, a conselleira precisou que un dos motivos para alegar é que o novo texto reduce a non máis dun 30 por cento a valoración dos criterios que non sexan económicos, de tal xeito que non insiste como debera na ponderación dos beneficios sociais. Unha valoración que Lorenzana considerou moi importante e que vai en liña cos preceptos da futura Lei de recurso naturais de Galicia.

Na súa intervención, tamén avanzou a intención do Goberno galego de promover unha declaración a través do Observatorio da Eólica Mariña para solicitar ao Goberno apoio para o proxecto da plataforma experimental de Punta de Langosteira. “Para nós é esencial, no sentido de que vai permitir experimentar sobre a compatibilidade e a afección que poidan ter os distintos elementos e infraestruturas da eólica mariña flotante co sector pesqueiros e coas novas tecnoloxías”, dixo.

Ao respecto, adiantou que, esta mesma semana, así llo solicitou por carta o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, á que lle solicitou que se teña en conta este proxecto e se lle dea axilización por ser “idóneo” para avaliar a buscada compatibilidade desta tecnoloxía co medio mariño.

Últimas novas