Lorenzana apunta que a competitividade da industria galega dependerá do futuro desenvolvemento de enerxía renovable en Galicia
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe a XI Xornada Eólica en Galicia Wind Galicia 2024, organizada por Cluergal
Avoga por un modelo eólico que respecte o medio ambiente, que reverta beneficios nos cidadáns e nas industrias e que achegue certezas aos investidores e ao conxunto da sociedade
“Non podemos ter paralizado o sector polas inmensas posibilidades que están detrás deste desenvolvemento”, remarca
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a competitividade da industria galega vai depender do desenvolvemento de enerxía renovable que Galicia consiga levar a cabo nos vindeiros anos. “Do que se trata é de que sexamos quen de conseguir un trinomio entre enerxía, industria e sociedade, compatibilizándoo dentro do territorio e planificándoo axeitadamente”, abondou.
Durante a súa intervención na inauguración da XI Xornada Eólica en Galicia Wind Galicia 2024, organizada polo Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), Lorenzana avogou por un modelo eólico que respecte o medio ambiente, que reverta beneficios nos cidadáns e nas industrias e que achegue certezas aos investidores e ao conxunto da sociedade.
“Temos a oportunidade enorme que non teñen outras comunidades autónomas de converternos nun centro de excelencia da tecnoloxía eólica, terrestre e mariña, desenvolvendo novas solucións e optimizando as existentes”, dixo, para remarcar: “Non podemos ter paralizado o sector polas inmensas posibilidades que están detrás deste desenvolvemento”.
A conselleira mencionou como ferramentas clave do desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia, a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais, que xa entrou no Parlamento o pasado día 20 de maio; ou a sociedade Recursos de Galicia, unha entidade na que está o respaldo da Xunta para os proxectos de economía verde que revertan beneficios nas industrias e na cidadanía.
Nas súas palabras, trátase dunha industria sólida porque a xeración eólica en Galicia supón 923M€ de contribución ao PIB anual (o 1,6 por cento), e a isto contribúen os 188 parques en funcionamento, que producen case 4.000 MW. De feito, en 2023 Galicia incrementou a súa produción renovable nun 24 por cento e supón o 75 por cento do mix rexional, unha cota que é a terceira máis alta de todo o país. A eólica é a tecnoloxía que máis GWh achegou á estrutura de xeración da rexión: ata o 38,1 por cento do total, o que converte Galicia na terceira comunidade autónoma con maior xeración eléctrica a partir da forza do vento. Non obstante, tamén fixo fincapé que a dependencia enerxética en Galicia é do 66,4 por cento, un valor que aínda segue a ser moi alto.
Finalmente, Lorenzana defendeu que o futuro do sector pasa por sumar as maiores achegas posibles desde o diálogo e o consenso entre o público e o privado.