Lorenzana resalta a aposta de Vertex Bioenergy por expandir a súa capacidade produtiva en Galicia

Lorenzana resalta a aposta de Vertex Bioenergy por expandir a súa capacidade produtiva en Galicia
Lorenzana resalta a aposta de Vertex Bioenergy por expandir a súa capacidade produtiva en Galicia

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións de Bioetanol Galicia, de Vertex Bioenergy

Lorenzana tivo ocasión de coñecer o proxecto da futura planta de biometano verde que a compañía prevé instalar en Teixeiro (Curtis)

Implica un investimento de 12M€, a creación de arredor de 25 postos de traballo, entre emprego directo e indirecto, e permitirá transformar preto de 100.000 toneladas ao ano de materia prima de orixe agrícola e gandeira

Avanza que é unha iniciativa que entra dentro do plan de aceleración de proxectos industriais da Xunta de Galicia, que lle vai dar a maior celeridade

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, resaltou hoxe a aposta de Vertex Bioenergy por expandir a súa capacidade produtiva en Galicia, coa futura planta de xeración de biometano verde que prevé instalar en Teixeiro (Curtis).

Lorenzana tivo esta mañá ocasión de coñecer polo miúdo este proxecto, que implica un investimento de 12M€ e a creación de arredor de 25 postos de traballo, entre emprego directo e indirecto. Permitirá transformar preto de 100.000 toneladas ao ano de materia prima de orixe agrícola e gandeira, e chegará a producir case 6 millóns de m³ de biogás, que equivalen ao consumo de gas de 8.500 vivendas ao ano.

Segundo dixo, é unha clara aposta pola economía circular, que beneficia directamente á industria gandeira e agroalimentaria no que respecta á valorización e xestión de residuos. Ademais, está completamente aliñado cos obxectivos de sustentabilidade e a Axenda Enerxética de Galicia, abondou.

Lorenzana adiantou que é unha iniciativa que entra dentro do plan de aceleración de proxectos industriais da Xunta de Galicia, polo que “o importante é que haxa ese acompañamento que se vai dar, por suposto, por parte do Goberno, porque entendemos que esta nova planta, que a idea é que a finais de 2025 xa estea operativa, non sufra de ningún tipo de atrancos nin de bucrocracia excesiva. Imos estar para darlle a maior celeridade”, subliñou.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, coñeceu este proxecto nunha visita que realizou á planta que Vertex Bioenergy posúe en Curtis, Bioetanol Galicia. Unhas instalacións que, o pasado ano, bateron o seu récord histórico de produción (188.760 m³) e de vendas, sendo Vertex un referente europeo na xeración de biocombustibles e líder na produción de bioetanol en España. Isto fai de Galicia unha localización estratéxica para o grupo, que leva implantado en Teixeiro (Curtis), desde hai máis de 20 anos.

Últimas novas