Lorenzana reúnese co alcalde de Cerdedo-Cotobade para avaliar as necesidades do tecido empresarial do concello
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, con quen avaliou as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento.
Ademais dos servizos de atención personalizada ás empresas que ofrece a Oficina Económica de Galicia, Lorenzana tamén expuxo ante Cubela o programa de axudas da Xunta para polígonos industriais. Trátase dunha primeira liña para a mellora de infraestruturas, dotada de 3,5 M; outra, en proceso de resolución, para a creación de viveiros industriais, con 1,5M€ de orzamento; e, en terceiro lugar, para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, que conta cun crédito de 4,7 M€.
Lorenzana puxo en valor as funcións da nova Dirección xeral de Estratexia industrial e solo empresarial, que inclúe na planificación industrial e enerxética a capacidade, tamén, para xestionar o solo empresarial que existe en Galicia e desenvolvelo onde sexa necesario.