Lorenzana subliña o compromiso do Goberno galego por crear un clima de estabilidade política e económica que fomente o investimento

Lorenzana subliña o compromiso do Goberno galego por crear un clima de estabilidade política e económica que fomente o investimento

Subliña que a Xunta traballa nunha nova planificación enerxética e do solo industrial, ademais de incidir na desburocratización

Salienta a importancia da formación para xerar emprego de calidade e fidelizar o talento nas empresas

Vigo, 27 de setembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe o compromiso do Goberno galego por xerar un clima de estabilidade política e económica que fomente a captación de investimentos que contribúan á reindustrialización de Galicia.

Así o manifestou durante o acto de entrega de diplomas aos alumnos e alumnas dos graos e másteres da Escola de Negocios do Centro de Iniciativas Profesionais CIP, do cal destacou o seu nivel formativo e a súa ampla oferta de titulacións e cursos, logo de 35 anos de traxectoria.

Lorenzana precisou que a Xunta está traballando nunha mellor planificación do solo industrial para poder actuar alí onde hai demanda. Tamén nunha nova planificación enerxética para que o aproveitamento da enerxía renovable, como por exemplo a eólica, permita abaratar a factura eléctrica que pagan as familias e as empresas que operan en Galicia. E, en terceiro lugar, apuntou como obxectivo de goberno a desburocratización, para dar unha resposta áxil e accesible ás necesidades de cidadáns e empresas.

Neste sentido, salientou que a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, leva atendido xa, desde que botou a andar en abril, máis de 7.000 consultas,  das que oito de cada dez se resolveron no mesmo día, mentres que outras requiriron de reunións presenciais nas que interveñen, de ser necesario, outros departamentos da Xunta.

Segundo dixo, a xerar un clima favorable para o investimento contribúen, tamén, os datos que se extraen da Conta Xeral, presentada esta semana, que demostran que Galicia cumpre sempre cos principios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, coa taxa de endebedamento máis baixo desde 2012 (16,1%).

A conselleira concluíu destacando a importancia da formación para xerar emprego de calidade e fidelizar o talento nas empresas. Apuntou que, xunto coa innovación, a sustentabilidade e outros factores fundamentais para a competitividade, o capital humano é clave.

Últimas novas