O Bono Enerxía PEME apoiou en 2022 máis de 650 actuación para a mellora da eficiencia enerxética dos establecementos galegos

O Bono Enerxía PEME apoiou en 2022 máis de 650 actuación para a mellora da eficiencia enerxética dos establecementos galegos

A resolución destas axudas, que mobilizaron 4,11 millóns de euros, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia.

A nova convocatoria xa ten aberto o prazo de solicitude e, como novidade, incorpora apoios de asesoramento enerxético.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023 - A Xunta de Galicia concedeu en 2022 un total de 665 apoios a pequenas empresas e autónomos para favorecer a incorporación de equipamento máis eficiente e a redución da factura eléctrica dos seus establecementos, dentro do programa Bono Enerxía Peme. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución destas axudas ás que se destinaron 2,85 millóns de euros e que permitiron mobilizar 4,11 millóns.

A convocatoria deste ano, coa que a Xunta prevé mobilizar 6 millóns de euros, continúa co prazo aberto para presentar solicitudes. Este ano destínanse 4,2 millóns de euros para pemes e autónomos galegos do sector do comercio, a hostalería e os servizos. Como novidade, apóiase o asesoramento enerxético. Estas axudas sumaranse ás dirixidas á mellora da envolvente térmica a través de elementos de control solar como toldos de cor branco ou negro; iluminación, coa renovación de equipos interiores ou exteriores por outros que utilicen tecnoloxía led; a eficiencia enerxética en instalacións eléctricas; equipamentos como a renovación de electrodomésticos ou aparellos por outros de cualificación enerxética B ou superior; climatización ou inmótica, para xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente.

Os apoios contan cunha intensidade do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo e os solicitantes poderán acceder a un anticipo de ata o 50 % sen necesidade da presentación de avais. As axudas resolveranse por orde de solicitude e cubriranse actuacións que se executen entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro.

O obxectivo é beneficiar a 1.000 autónomos e pemes, con aforros de 860.000 euros ao ano na factura enerxética e a creación ou mantemento de preto de medio cento de empregos directos.

Con este programa preténdese axudar ás pequenas empresas e aos autónomos a afrontar o custo da súa factura eléctrica, ao tempo que se incentiva a cultura da eficiencia enerxética entre o tecido empresarial, dotándoo de ferramentas e recursos para que poidan aforrar no consumo enerxético e reducir custos.

Últimas novas