Rueda analiza coa directiva de Redeia os investimentos na rede eléctrica precisos para cubrir as necesidades da industria galega
Lembrou a necesidade de que a planificación eléctrica que fixa o Goberno inclúa as obras necesarias para garantir a posta en marcha de proxectos empresariais estratéxicos en Galicia
Solicita a Redeia que participe e promova proxectos como a plataforma experimental sobre eólica mariña que se desenvolve na comunidade
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá unha reunión coa presidenta de Redeia, Beatriz Corredor, na que avaliaron os proxectos e investimentos que son precisos realizar na rede eléctrica da comunidade para cubrir as necesidades da industria galega cara os vindeiros anos.
No encontro, no que tamén estivo presente o delegado territorial do Noroeste da compañía transportista e operadora, Roberto Arranz, o titular do Goberno autonómico lembrou que a recente modificación do Plan de Desenvolvemento da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2021-2026 feita polo Executivo central deixa fóra obras clave para garantir a posta en marcha de proxectos industriais estratéxicos para Galicia.
Nesta liña, Rueda agradeceu que o Estado dese resposta a unha reivindicación histórica da comunidade e inclúa a subestación de Nuevo Vigo na nova planificación eléctrica, e trasladou a necesidade de dar resposta as obras que precisan proxectos como o de Altri en Palas de Rei, os de hidróxeno en Sabón e Meirama ou o de P2X Europe-Greenalia en Curtis.
A Xunta enviou o pasado mes de xaneiro unha serie de alegacións á planificación eléctrica 2021-2026, pero o Goberno non incluíu ningunha no novo documento. Por iso, Rueda aproveitou este encontro para solicitar que o Goberno dea resposta ás necesidades da industria galega na planificación eléctrica 2025-2030.
Ademais o titular da Xunta solicitou aos representantes de Redeia que participen na nova plataforma experimental sobre eólica mariña flotante que se está desenvolvendo na Coruña. Rueda animou a operadora a formar parte deste proxecto para consolidar Galicia como referente das enerxías renovables e promover que o Ministerio aposte por iniciativas en zonas experimentais como este.