A Xunta anima ao comercio compostelán a solicitar as axudas de ata 17.600 € para impulsar a dixitalización e a modernización dos seus negocios

foto
A Xunta anima ao comercio compostelán a solicitar as axudas de ata 17.600 € para impulsar a dixitalización e a modernización dos seus negocios

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou Calzados Pachi e Bluvelvet, que participaron neste programa co que o ano pasado se mobilizaron investimentos por máis de 112.000 € en 25 tendas e obradoiros artesáns da cidade

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 3 M€ para apoiar actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, posicionamento dixital, loxística ou xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos

A convocatoria está aberta á presentación de solicitudes desde hoxe e ata o 28 de marzo

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, convidou hoxe aos establecementos composteláns a solicitar as axudas de ata 17.600 euros que ten activas a Xunta de Galicia para impulsar a dixitalización e a modernización do comercio e do sector artesán galego. Heredia visitou os negocios composteláns Calzados Pachi e Bluvelvet, que participaron neste programa grazas ao cal o ano pasado se mobilizaron investimentos por máis de 112.000 euros en 25 comercios da cidade.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 3 millóns de euros á nova convocatoria da iniciativa, aberta á presentación de solicitudes desde hoxe e ata o 28 de marzo. Poden beneficiarse pemes comerciais de menos de 20 traballadores e obradoiros artesáns, e o obxectivo é apoiar ao sector comercial e artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas para conectar co cliente e achegue unha experiencia de compra única e personalizada.

Cunha intensidade de axuda do 80 % do investimento subvencionable, a convocatoria conta con dúas liñas de actuación. A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes tipos de apoio en función do desempeño previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física.

Entre as actuacións subvencionables inclúense a implantación de páxinas web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de posicionamento dixital; loxística para o comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais e o mantemento da páxina web, entre outros aspectos. O importe máximo das axudas que se poden obter neste apartado é de 17.600 euros. Por outra banda, a través da liña de modernización pódense obter apoios de ata 5.600 euros para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal.

Este programa súmase á axuda do fondo tecnolóxico, única dotada con fondos europeos Next Generation, e centrada en aspectos como a transformación dixital, a eficiencia enerxética e a mellora da experiencia de compra dos usuarios, entre outros aspectos. No mes de decembro lanzouse unha primeira convocatoria do fondo tecnolóxico, con 2,7 millóns de euros de orzamento. En fase de resolución, o programa tivo unha grande acollida, con máis de 367 axudas solicitadas. A segunda convocatoria publicarase nesta primavera cun importe de 2,9 millóns de euros, alcanzando así os 5,6 millóns de euros.

En total, este ano destínanse 24 millóns de euros a impulsar a competitividade do sector comercial e artesanal; crear un hub de innovación comercial e artesanal para desenvolver novos modelos de negocio e mellorar a competitividade do sector; así como impulsar a formación e capacitación para os profesionais deste ámbito, entre outros aspectos. As medidas específicas da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que se suman aos apoios doutros departamentos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -como Inega e Igape-, así como da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, irán en liña co diagnóstico realizado co sector a partir de enquisas ás asociacións, estudos do sector e agrupacións sectoriais.

Últimas novas