A Xunta aspira a converter Galicia nunha capital verde europea cun modelo industrial sustentable e respectuoso co medio ambiente
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na Gala da Industria e a Enerxía de Galicia organizada polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia
Eloxia a aposta que están a facer as empresas pola sustentabilidade, as enerxías renovables e a dixitalización
Pon en valor que en Galicia a transición enerxética xa está en marcha e que a enerxía é hoxe un vector de competitividade para a industria
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a Xunta seguirá traballando para converter Galicia nunha capital verde europea cun modelo industrial sustentable e respectuoso co medio ambiente.
Durante a súa intervención na Gala da Industria e a Enerxía de Galicia organizada polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Lorenzana eloxiou a aposta que están a facer as empresas pola sustentabilidade, as enerxías renovables e a dixitalización.
A titular de Economía e Industria apuntou que en Galicia a transición enerxética xa está en marcha e destacou que a enerxía é hoxe un vector de competitividade para a industria nun contexto no que o Índice de Produción Industrial (IPI) do sector da enerxía creceu na Comunidade galega un 31,8% con respecto ao ano pasado.
Neste sentido, Lorenzana puxo en valor o modelo que está a desenvolver a Xunta baseado no binomio industria-enerxía e que ten o obxectivo de vincular o futuro desenvolvemento industrial en Galicia ás enerxías renovables. Segundo explicou, o factor enerxía é fundamental para a industria, tanto para os novos proxectos industriais que buscan implantarse en Galicia, como para os que xa están asentados e que poden estar en risco de deslocalización.
Finalmente, María Jesús Lorenzana avogou por seguir apostando por proxectos de enerxías renovables co obxectivo de xerar riqueza no territorio.