A Xunta concedeu xa máis de 19,4M€ en axudas para incentivar a compra de vehículos eléctricos a través do MOVES III

A Xunta concedeu xa máis de 19,4M€ en axudas para incentivar a compra de vehículos eléctricos a través do MOVES III

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe en Burela (Lugo) o concesionario Apersa, unha das empresas beneficiarias destes apoios.

Burela (Lugo), 18 de agosto de 2023 - O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que a Xunta de Galicia, a través do programa MOVES III, leva concedido máis de 19,4 M€ en axudas para incentivar a compra de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga.

Fernández Vila visitou hoxe en Burela (Lugo) o concesionario Apersa, unha das empresas beneficiarias destes apoios que lle facilitaron a instalación de dous puntos de recarga no seu establecemento. En concreto, para un investimento de 14.000 €, a empresa contou cunha axuda de 4.200 €, aínda que o director xeral destacou que as intensidades de axuda para a instalación destes puntos de recarga por parte de autónomos, particulares ou comunidades de propietarios son superiores e varían entre o 70 e o 80 % da custe subvencionable.

Desde que se abriu a convocatoria do MOVES III en 2021, son xa máis de 5.700 as solicitudes recibidas, das cales a Administración autonómica leva resolto máis dun 77 %, 4.423, cun investimento total mobilizado que ascende a case 129 M€. En concreto, un 25 %, 1.102 desas solicitudes, foron para a implantación de infraestruturas de recarga e, as restantes, para a adquisición de vehículos.

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais lembrou que o obxectivo deste programa é contribuír a incentivar a demanda ao tempo que se fomenta unha mobilidade eléctrica e sustentable.

Últimas novas