A Xunta destaca a minaría sustentable e as materias primas como base fundamental da transición enerxética
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participa na inauguración do Seminario Permanente de Transición Enerxética e Competitividade Industrial na Universidade de Vigo
Vigo, 4 de outubro de 2024
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na inauguración do Seminario Permanente de Transición Enerxética e Competitividade Industrial (SPERTUS) celebrado no paraninfo da Universidade de Vigo. Durante a súa intervención, destacou a importancia da minaría sustentable e das materias primas como base fundamental no proceso de transición enerxética en Galicia.
O seminario, enmarcado no seo dun acordo de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a Universidade de Santiago de Compostela, afrontou a necesidade das diferentes administracións de adoptar unha visión transversal da transición enerxética que implique aos diferentes sectores da sociedade. Ademais, Fernández Vila defendeu o desenvolvemento dunha transición gradual, planificada, ordenada e fuxindo de calquera improvisación.
Durante o encontro, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas puxo en valor o papel que desempeñou historicamente a minaría na súa relación co ámbito enerxético, coma no caso das Pontes e Meirama, e que debe seguir desempeñando na descarbonización e dixitalización da nosa economía. Por último, confirmou a aposta da Xunta por unha minaría sustentable compatible co medio ambiente, xa que, sen ela, non é posible levar a cabo a transición enerxética.