A Xunta destaca os proxectos de enerxías renovables como esenciais para cumprir cos obxectivos de descarbonización

A Xunta destaca os proxectos de enerxías renovables como esenciais para cumprir cos obxectivos de descarbonización

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, inaugurou a xornada O futuro das enerxías renovables en Galicia ante o reto da descarbonización

 

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que os proxectos de enerxías renovables son esenciais para cumprir cos obxectivos de descarbonización establecidos nas estratexias e axendas, tanto comunitarias, como estatais e autonómicas.

Fernández Vila participou hoxe na inauguración da xornada O futuro das enerxías renovables en Galicia ante o reto da descarbonización organizada polo Consello Económico e Social de Galicia (CES Galicia) onde subliñou a necesidade de que a Comunidade galega siga desenvolvendo proxectos enerxéticos que permitan ir reducindo a súa dependencia enerxética do exterior e avanzando na redución da pegada de carbono.

Ademais, apuntou que as enerxías renovables son esenciais no actual sistema marxinalista posto que favorecen prezos baixos no mercado da electricidade, tanto no eido industrial como ás familias, e puxo en valor a aposta da Xunta pola descarbonización e a eficiencia enerxética. Unha aposta que, segundo abondou Fernández Vila, se materializa nas diversas liñas de axuda para fomentar a transición enerxética que o Goberno da Xunta ten activas ao longo do ano. Hai que sinalar, o Bono Enerxía Peme, os apoios para o autoconsumo e a eficiencia enerxética no sector agrícola primario ou aquelas axudas para a instalación de proxectos de renovables térmicas, entre outras.

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas destacou para finalizar o apoio do Goberno galego aos novos proxectos industriais máis verdes, eficientes e sustentables, nunha aposta clara por converter a Galicia nun territorio favorable ás enerxías renovables.

 

Últimas novas