A Xunta e a Asociación Empresarial Eólica abordan a situación do sector en Galicia

A Xunta e a Asociación Empresarial Eólica abordan a situación do sector en Galicia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, insiste no compromiso do Goberno galego con esta industria e destaca o rigor na tramitación dos proxectos eólicos

Avoga polo desenvolvemento das enerxías renovables para lograr un prezo eléctrico competitivo para as empresas e a cidadanía galega

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes da Asociación Empresarial Eólica (AEE), para abordar o presente e o futuro do sector eólico en Galicia.

Durante a reunión, Lorenzana insistiu no compromiso do Goberno galego con esta industria e trasladoulles que a Xunta seguirá a traballar por e para a cidadanía galega, e autorizará unicamente aqueles proxectos eólicos que son ambientalmente viables, co obxectivo de promover o despregamento das enerxías renovables e cumprir cos obxectivos europeos de descarbonización, protección e mellora do medio ambiente e de neutralidade climática. Tamén para lograr un prezo eléctrico competitivo para as empresas galegas e para a cidadanía en xeral, subliñou a conselleira tras o encontro.

Neste sentido, María Jesús Lorenzana defendeu que o traballo que se está a realizar na tramitación dos proxectos eólicos conta co máximo rigor e que se están a someter a avaliación ambiental ordinaria, a máis garantista de todas. Así mesmo, sinalou que o Executivo autonómico agarda que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea valide a interpretación do Tribunal Supremo respecto da boa praxe da Xunta.

A conselleira de Economía e Industria tamén advertiu de que a demora no tempo das diferenzas entre os órganos xurisdicionais leva aparellada a paralización dos proxectos enerxéticos e industriais xeradores de riqueza e emprego na Comunidade Autónoma.

Eólica mariña

Por outra banda, o encontro serviu para abordar as oportunidades de desenvolvemento da eólica mariña na que Galicia aspira a ser un referente pero garantindo sempre a compatibilidade cos recursos pesqueiros, co medio mariño e co medio ambiente, e incidindo na repercusión dos beneficios sociais e económicos que se teñen que quedar no territorio.

Neste senso, Lorenzana lembrou que a Xunta de Galicia presentou alegacións ao Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, presentado o pasado mes de febreiro polo Goberno central. Un total de 16 propostas que se elaboraron tendo en conta as presentadas polos sectores pesqueiro e industrial, así como por parte de varios promotores e no marco do traballo que se vén realizando no Observatorio da eólica mariña de Galicia que se reuniu, por este motivo, o pasado 8 de marzo.

A conselleira de Economía e Industria insistiu en que para Galicia hai tres cuestións básicas que se deben incluír nesta normativa: o proceso de diálogo público-privado, que debe ser obrigatorio e non opcional; a inclusión na orde pola que se vaia regular a convocatoria de concorrencia competitiva de medidas compensatorias para os sectores afectados; e por último a valoración dos criterios non económicos dos proxectos (como a maior compatibilidade co medio mariño, ou as menores afeccións ao sector pesqueiro) ten que supoñer un 50 %, polo menos, da ponderación total, fronte ao máximo do 30 % recollido actualmente no proxecto de Real decreto.

Finalmente, Lorenzana lembrou que a Xunta agarda poñer en marcha unha segunda plataforma experimental para testar prototipos de eólica mariña flotante co obxectivo de afondar no coñecemento das novas tecnoloxías  e co convencemento de que as enerxías renovables formen parte do futuro mix enerxético para avanzar nos procesos de transición enerxética e descarbonización. Un proxecto que agarda polo apoio do Estado.

Últimas novas