A Xunta e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais colaboran para desenvolver actuacións de concienciación sobre seguridade industrial

A Xunta e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais colaboran para desenvolver actuacións de concienciación sobre seguridade industrial

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, mantivo hoxe un encontro co decano do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Julio García, e máis co seu director de Xestión, Pablo Pérez

A cita tivo como eixo central o seguimento do convenio de colaboración asinado o pasado mes de xuño que inclúe a organización dun congreso sobre a materia así como a realización de xornadas de divulgación e guías prácticas entre outras actividades de fomento e difusión

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2024

A Xunta, a través da Consellería de Economía e Industria, e o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) están a colaborar para desenvolver actuacións de concienciación e sensibilización á sociedade galega sobre a importancia da seguridade industrial.

Neste marco, o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, mantivo hoxe un encontro co decano do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais, Julio García, e co seu director de Xestión, Pablo Pérez, para abordar o seguimento do convenio de colaboración asinado o pasado mes de xuño. No marco deste acordo está prevista a celebración do primeiro congreso sobre seguridade industrial que se vai celebrar na Comunidade galega, así como xornadas de divulgación e guías prácticas en outras actividades.

Este convenio forma parte do programa extraordinario de medidas en materia de seguridade industrial que a Xunta vai levar a cabo na Comunidade Autónoma ao longo deste ano 2024 para fortalecer este ámbito e entre as que se inclúen actividades de fomento e difusión.

A seguridade industrial comprende aquelas actividades de prevención e limitación de riscos, ou protección contra accidentes e sinistros que poden producir danos e perdas ás persoas, os bens ou o medio ambiente, derivados da actividade industrial ou do uso, funcionamento e mantemento das instalacións ou dos equipos e da produción, almacenamento ou refugallo de produtos industriais.

Últimas novas