A Xunta informa aos comerciantes de Pontevedra das novas axudas de ata 17.600 € para impulsar a dixitalización e a modernización dos seus negocios

A Xunta informa aos comerciantes de Pontevedra das novas axudas de ata 17.600 € para impulsar a dixitalización e a modernización dos seus negocios

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou na sede de APE Galicia nun encontro sobre este programa, ao que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 3 M€
 

Mediante esta convocatoria, aberta á presentación de solicitudes ata o 28 de marzo, apóianse actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, posicionamento dixital, loxística ou xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos
 

O programa permitiu mobilizar o ano pasado preto de 1,8 M€ en máis de 200 tendas e obradoiros artesáns da provincia

Pontevedra, 16 de marzo de 2023 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, informou hoxe aos comerciantes pontevedreses das axudas de ata 17.600 euros que ten activas a Xunta de Galicia para impulsar a dixitalización e a modernización do comercio e do sector artesán galego.

Heredia participou na sede de Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia) nun encontro sobre este programa grazas ao cal o ano pasado se mobilizaron investimentos por preto de 1,8 millóns de euros en máis de 200 tendas e obradoiros artesanais da provincia.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 3 millóns de euros á nova convocatoria da iniciativa, aberta á presentación de solicitudes ata o 28 de marzo. Poden beneficiarse pemes comerciais de menos de 20 traballadores e obradoiros artesáns, e o obxectivo é apoiar ao sector comercial e artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas para conectar co cliente e achegue unha experiencia de compra única e personalizada.

Cunha intensidade de axuda do 80 % do investimento subvencionable, a convocatoria conta con dúas liñas de actuación. A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes tipos de apoio en función do desempeño previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física.

Entre as actuacións subvencionables inclúense a implantación de páxinas web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de posicionamento dixital; loxística para o comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais e o mantemento da páxina web, entre outros aspectos. O importe máximo das axudas que se poden obter neste apartado é de 17.600 euros. Por outra banda, a través da liña de modernización pódense obter apoios de ata 5600 euros para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal.

En total, este ano destínanse 24 millóns de euros a impulsar a competitividade do sector comercial e artesanal; crear un hub de innovación comercial e artesanal para desenvolver novos modelos de negocio e mellorar a competitividade do sector; así como impulsar a formación e capacitación para os profesionais deste ámbito, entre outros aspectos.

As medidas específicas da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que se suman aos apoios doutros departamentos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -como Inega e Igape-, así como da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, irán en liña co diagnóstico realizado co sector a partir de enquisas ás asociacións, estudos do sector e agrupacións sectoriais.

Últimas novas