A Xunta lembra que as empresas galegas aínda poden solicitar as axudas para incentivar proxectos de aforro e eficiencia enerxética

A Xunta lembra que as empresas galegas aínda poden solicitar as axudas para incentivar proxectos de aforro e eficiencia enerxética

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou as instalacións da empresa Fontecelta, beneficiaria destas axudas o ano pasado

Destacou que nos últimos once anos, o Goberno galego concedeu máis de 1.600 axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nos sectores da industria, servizos e agrícola

A convocatoria de 2024 conta cun orzamento de 7,5M€ e estará aberta ata o 15 de setembro para que empresas galegas e persoas autónomas poidan acometer proxectos que reduzan a súa factura eléctrica

Sarria (Lugo), 21 de agosto de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, lembrou hoxe que as empresas galegas aínda poden solicitar as axudas convocadas pola Xunta para incentivar proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

Esta liña de apoios do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) está á disposición das empresas e das persoas autónomas galegas e manterase aberta ata o vindeiro 15 de setembro co obxectivo de que poidan acometer proxectos que reduzan a súa factura eléctrica.

Fernández Vila visitou as instalacións da empresa Fontecelta, beneficiaria destas axudas no ano 2023 con preto de 524.000€. Estes apoios permitíronlle realizar diversas actuacións de aforro enerxético como a instalación dunha máquina SINCRO xunto cos transportadores de envases cheos ou a instalación dunha nova máquina de envolvente de packs. Ademais, Fontecelta foi beneficiaria tamén de axudas para a instalación de paneis fotovoltaicos.

Durante a visita, o director xeral apuntou que nos últimos once anos, a Xunta leva concedido 1.640 axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nos sectores industria, servizos e agrícola cun orzamento total de 55,6M€.

Nova liña de axudas

O pasado mes de xullo a Xunta abriu unha nova convocatoria de axudas para incentivar proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

A convocatoria conta cun orzamento de 7,5M€, financiado pola Unión Europea, a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027, e a previsión é chegar a mobilizar ata 30M€ de investimento público-privado. A axuda máxima por empresa beneficiaria é de 2M€ en función do aforro enerxético xustificado, e estímase que contribúan a xerarlles aforros económicos de 4,5M€ anuais no seu abastecemento enerxético.

Ademais, estas axudas permitirán a creación ou mantemento de 173 postos de traballo, entre directos e indirectos, un aforro anual de enerxía equivalente a 5,1 millóns de litros de gasóleo (52.000 MWh/ano), e unha redución de emisións equivalente á plantación de 825.000 árbores (16.500 t).

Entre as solicitudes recibidas en convocatorias de anos anteriores figuran proxectos para renovación de maquinaria industrial como compresores de aire ou equipos de frío, a instalación de variadores de frecuencia en motores e economizadores en caldeiras, a substitución da iluminación actual por tecnoloxía LED, o aproveitamento de enerxías residuais mediante intercambiadores de calor, instalacións de aproveitamento de enerxía xeotérmica e aerotérmica para climatización, a realización de auditorías enerxéticas en pemes e a implantación de equipos de medida e sistemas de procesado de datos para a optimización do consumo enerxético.

Últimas novas