A Xunta mantén aberta a convocatoria para acceder ás axudas de planificación de comunidades enerxéticas

foto
A Xunta mantén aberta a convocatoria para acceder ás axudas de planificación de comunidades enerxéticas

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, reuniuse con representantes da comunidade enerxética local Moaña Solar para coñecer os avances no seu proxecto

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2023 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, mantivo unha reunión de traballo con representantes da comunidade enerxética local Moaña Solar para avaliar o proxecto que están a desenvolver e os avances realizados. 

O director xeral trasladou o apoio da Xunta de Galicia a este tipo de iniciativas, de gran importancia neste momento de carestía enerxética e que, ademais, están aliñadas coa folla de ruta da Administración autonómica, tal e como se indica na Axenda Enerxética de Galicia 2030.

Na reunión, Pablo Fernández Vila informoulles da existencia das axudas para comunidades enerxéticas constituídas ou en fase de constitución, convocadas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Inega. Esta liña abrangue apoios para a contratación dos servizos de asistencia técnica e/ou xurídica precisos para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias, así como a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da comunidade enerxética a partir da súa constitución.

Mediante esta liña de axudas, aberta ata o próximo 14 de xuño, a comunidade enerxética de Moaña podería seguir avanzando no proceso de definición e concreción do seu proxecto, tanto desde un punto de vista técnico como xurídico, mediante axudas que supoñen o 80 % do custo elixible cun máximo de 15.000 euros por actuación.

Últimas novas