A Xunta visita as futuras obras de mellora da EDAR do polígono industrial de Camporrapado en Boqueixón

A Xunta visita as futuras obras de mellora da EDAR do polígono industrial de Camporrapado en Boqueixón

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, visitou hoxe o parque industrial deste concello coruñés

Sinalou que estas actuacións enmárcanse no programa de axudas do Goberno galego para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais e que en total recibirán 3,5M€ neste ano

Tamén apuntou que cinco concellos de Galicia se verán beneficiados con 3,2M€ para acometer o reforzo e a mellora das redes de distribución eléctrica dos seus polígonos industriais

Boqueixón (A Coruña), 20 de agosto de 2024

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, visitou hoxe as futuras obras de reparación e mellora da EDAR que da servizo ao polígono industrial de Camporrapado no concello de Boqueixón.

Durante a visita á parcela que vai acoller a actuación, Vázquez enmarcou estes traballos de ampliación da capacidade de depuración e funcionamento na nova edición do programa de axudas posto en marcha polo Goberno galego para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade e que recibirán, en 2024, un total de 3,5 M€.

En concreto, esta liña ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións co obxectivo de modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover o emprego local.

Os apoios están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

Ademais, segundo explicou, esta liña encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar coa Administración autonómica para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas, na que recibiron unha maior puntuación.

3,2M€ en axudas para redes de distribución eléctrica

Por outra banda, e no marco de establecer medidas de reforzo e mellora nos parques empresariais, o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético subliñou que a Xunta xa concedeu este ano 3,2M€ en axudas para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais de Galicia.

En concreto, os concellos galegos que se beneficiaron destes apoios, foron os de O Corgo, Gondomar, Tordoia, Ribeira e o municipio de Ordes. Toda vez que, as redes de distribución eléctrica son unha infraestrutura esencial na implantación de novas iniciativas empresariais xa que para o desenvolvemento dunha actividade económica ou empresarial é fundamental ter garantido o subministro de enerxía eléctrica.

Neste sentido, Nicolás Vázquez, lembrou que os parques empresariais precisan ser abastecidos de enerxía eléctrica a través de redes de distribución ben dimensionadas que permitan cubrir con seguridade e calidade as demandas das empresas que xa están establecidas e das que se poden establecer no futuro.

Últimas novas