A Xunta vixiará o cumprimento da actividade industrial en XEAL
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co comité de empresa da factoría
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta tarde unha reunión co comité de empresa de XEAL para escoitar as demandas dos traballadores respecto da situación actual da factoría.
Neste senso, a conselleira avanzou aos membros do comité que o Goberno galego continuará vixiando o cumprimento dos compromisos adquiridos no proceso de compra por parte dos actuais propietarios hai un ano. Nomeadamente, a execución do plan industrial no eido da ferroaleación nas plantas de Cee e Dumbría, e no de xeración eléctrica a través dos saltos de auga das centrais emprazadas nas concas do Xallas e Grande.
A titular de Economía e Industria tamén se comprometeu a realizar un seguimento periódico da situación para poder analizar calquera novidade que se poida producir co fin de garantir un diálogo aberto e permanente, así como de traballar da man da empresa para garantir a actividade industrial na zona.