A Xunta aposta por unha transición enerxética baseada nunha maior presenza de renovables e no impulso do aforro enerxético

A Xunta aposta por unha transición enerxética baseada nunha maior presenza de renovables e no impulso do aforro enerxético
A Xunta aposta por unha transición enerxética baseada nunha maior presenza de renovables e no impulso do aforro enerxético

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá, en Santiago de Compostela, nunha xornada sobre eficiencia enerxética na industria organizada por Cluergal

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá no XIII Seminario de eficiencia enerxética na industria, organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) en Santiago de Compostela.

Neste evento, o director xeral reiterou a aposta da Xunta por unha transición enerxética cara a un modelo descarbonizado e dixitalizado baseada tanto nunha maior presenza de enerxías renovables no mix enerxético, como no impulso de medidas de aforro.

Neste sentido, lamentou a paralización que sofre o sector eólico e incidiu en que desde Galicia defenderanse todos os proxectos relacionados coas enerxías renovables sempre e cando  sexan ambientalmente viables e xeren beneficios no territorio. Así, agárdase que nesta nova lexislatura se retome a tramitación do proxecto de lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

No tocante á eficiencia enerxética, Fernández Vila explicou que a industria precisa, cada vez máis, minimizar os seus consumos a través de procesos eficientes, a renovación de maquinaria e equipos de iluminación, vehículos de transporte ou substitución de electrodomésticos.

A Administración autonómica trata de acompañar ao tecido industrial dando resposta a estas necesidades con axudas específicas, entre as que se poden citar os 64 apoios da última convocatoria de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarios, as 82 concesións para eficiencia en pemes e grandes empresas do sector da industria, as 65 axudas de eficiencia en empresas, incluídas aos do sector servizos. Apoios que mobilizan preto de 100 M€, aos que habería que sumar as máis de 13.500 solicitudes para a renovación de electrodomésticos.

O director xeral explicou que a Administración, ademais, debe desempeñar un papel exemplarizante e referiuse tanto ao plan de aforro e eficiencia enerxética no sector público autonómico 2022-2024, no que se invisten 119 M€ co obxectivo de aforrar 39,9 Gwh/ano; como ao plan de aforro e eficiencia enerxética do complexo administrativo de San Lázaro, que foi ao último Consello da Xunta, e co que se pretende reducir o consumo enerxético destas instalacións nun 35% como mínimo.

Últimas novas