A Xunta subliña a aposta decidida de Galicia polas enerxías limpas e novas tecnoloxías como o Biogás ou o Biometano

A Xunta subliña a aposta decidida de Galicia polas enerxías limpas e novas tecnoloxías como o Biogás ou o Biometano

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou hoxe no II Foro de Biogás-Biometano en Galicia que se celebra no CIS A Cabana de Ferrol

O Goberno galego defende o papel fundamental dos gases renovables como biogás e biometano e a súa contribución á autosuficiencia enerxética e á economía circular

A Axenda Enerxética de Galicia prevé que, de cara ao 2030, o 20% do consumo de gas na Comunidade proceda de gases de orixe renovable

Ferrol, 30 de outubro de 2024

A Xunta confirma a súa aposta decidida polas enerxías renovables e novas tecnoloxías coma o biogás ou o biometano. Así o destacou o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, durante a súa intervención no II Foro de Biogás-Biometano en Galicia, que reuniu a máis de 100 expertos no CIS A Cabana de Ferrol.

Fernández Vila, acompañado da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, sinalou a importancia que supón a electrificación da economía a partir de fontes renovables para o Goberno galego. Este esforzo, dixo, é visible nos proxectos que se están a tramitar desde o Goberno galego e nas numerosas axudas que se convocan desde a Administración autonómica para esta finalidade como, por exemplo, as subvencións para impulsar proxectos de autoconsumo ou almacenamento enerxético.

Porén, o director xeral advertiu que non se debe centrar toda a atención na electrificación, xa que algúns sectores son dificilmente electrificables. Nese sentido, os gases renovables xogarán un papel fundamental contribuíndo ademais á autosuficiencia enerxética dos sectores industriais e, consecuentemente, á economía circular. De feito, un dos obxectivos que prevé a Axenda Enerxética de Galicia é que, de cara ao 2030, o 20% de consumo de gas na Comunidade proceda de gases de orixe renovable.

Potencial económico e ambiental

Fernández Vila explicou que, concretamente, o biogás e o biometano teñen un grande potencial ao poder empregalos para calquera das aplicacións enerxéticas, é dicir, tanto para uso eléctrico ou térmico como en forma de biocarburante. Máis alá do punto de vista enerxético e tendo en conta que a materia orgánica da que se poden obter son principalmente os residuos gandeiros, os gases renovables tamén terán unha utilidade fundamental para solucionar un dos principais problemas do sector gandeiro como é a xestión dos xurros.

Por último, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas destacou as melloras económicas e ambientais que xera a introdución de gases renovables en xeral e do biogás e biometano en particular no tecido produtivo. Estas melloras, apuntou, encaixan á perfección nos obxectivos da Xunta sobre descarbonización, economía circular e valorización dos residuos.

Últimas novas