Lorenzana pon a política enerxética e de acceso ao solo industrial como eixes dos orzamentos da Consellería de Economía e Industria, que suman 374 M€

Lorenzana pon a política enerxética e de acceso ao solo industrial como eixes dos orzamentos da Consellería de Economía e Industria, que suman 374 M€

Apunta que, cunha suba do 7,6 por cento, o obxectivo é facilitar ás empresas o acceso a solo industrial de xeito máis rápido para acelerar a implantación de novos proxectos e facer dos recursos naturais de Galicia unha vantaxe competitiva

Avanza a aprobación das Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (ZAPES), que permitirán “simultanear a tramitación urbanística coa dos proxectos, de xeito que se pasaría dunha media de dez anos a menos de dous para que as empresas poidan comezar a súa construción”

En Galicia hai actualmente 249 parcelas (525.415 m²) en parques de titularidade autonómica que se poden adquirir a custo cero durante os oito primeiros anos, a metade, na provincia da Coruña

Arteixo (A Coruña), 18 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, que soben por riba da media ata acadar os 374 M€, terán como eixes a política enerxética e de acceso a solo industrial.

Nunha visita á empresa Logista Parcel, no polígono de Morás (Arteixo), Lorenzana avanzou algunhas das principais medidas que van recoller os orzamentos da Consellería de Economía e Industria para o vindeiro ano, no marco dunhas contas xerais que acadan os 13.954 M€, o que supón un 2,6 % máis que os deste ano (354 M€). Teñen como obxectivo, dixo, facilitar ás empresas o acceso a solo industrial de xeito máis rápido para acelerar a implantación de novos proxectos e facer dos recursos naturais de Galicia unha vantaxe competitiva.

Así, explicou que os Orzamentos da consellería soben un 7,6 % e, en liña co que xa avanzou o presidente da Xunta na súa comparecencia parlamentaria, indicou que contemplan a creación de novas figuras de ordenación de solo empresarial. Unha delas, as Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (ZAPES) permitirán, dixo, “simultanear a tramitación urbanística coa dos proxectos, de xeito que se pasaría dunha media de dez anos a menos de dous anos para que as empresas poidan comezar a súa construción”.

A conselleira apuntou que estas novas figuras de ordenación súmanse á medida xa anunciada, por importe de 5 M€, de poñer solo industrial gratuíto á disposición das empresas durante os primeiros oitos anos, co obxectivo de facilitar a implantación de novas empresas en Galicia ou ampliar as existentes.

Na provincia da Coruña hai actualmente dispoñibles un total de 167 parcelas (261.815 m² de solo industrial) que poden ser adquiridas a custo cero. Representan practicamente a metade do total que hai en todos os parques empresariais de Galicia de titularidade autonómica, que son 249 parcelas (525.415 m²). Concretamente, en Morás, son 82 as parcelas libres que entraron a concurso, que abranguen unha superficie de 142.281 m².

Como segunda medida a destacar, Lorenzana mencionou que se orzamenta o novo plan eólico, anunciado polo Presidente, cunha partida de 700.000 euros. Segundo explicou, “vai supoñer menos afección territorial e máis potencia eólica e reforzar o establecido na lei de recursos naturais de Galicia: trasladar os beneficios á cidadanía e ás empresas".

Xunto con isto, tamén sinalou que dous terzos do orzamento da consellería van destinados ao Igape. “É fundamental continuar reforzando os préstamos, as axudas ás empresas e tamén están orzamentadas novas liñas de innovación empresarial”, abondou.

A conselleira concluíu referíndose á empresa que visitou hoxe, Logista Parcel, líder no transporte capilar a temperatura controlada que, con esta nave que inauguraron no polígono de Morás, se posicionan como un referente para todo o noroeste.

Últimas novas