A Xunta abre mañá o prazo de solicitude de axudas para a instalación de caldeiras de biomasa nos fogares galegos

A Xunta abre mañá o prazo de solicitude de axudas para a instalación de caldeiras de biomasa nos fogares galegos

O Goberno autonómico destina 1,5M€ a esta liña que contempla axudas de ata 8000 euros por proxecto.

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou esta mañá a residencia de maiores San Xoán de Río, entidade que vén de instalar unha caldeira que lle permitirá aforrar 40.000 euros ao ano na compra de combustible.

San Xoán de Río (Ourense), 28 de febreiro de 2023 - O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, lembrou esta mañá, durante unha visita á residencia San Xoán de Río, que a Xunta de Galicia abre mañá o prazo para solicitar as axudas destinadas a impulsar a instalación de caldeiras de biomasa nos fogares galegos.

A convocatoria, que conta cun orzamento de 1,5M€, apoiará proxectos promovidos polos particulares con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras que utilicen biomasa como combustible. A contía das axudas será dun 50% cun máximo de 8000 euros por proxecto.

O prazo para os particulares rematará o 29 de xuño ou cando se esgoten os fondos, xa que son axudas que se outorgarán por orde de solicitude. As entidades colaboradoras interesadas poderán adherirse ata o 1 de xuño, ata o de agora xa se sumaron 353.

Os apoios favorecerán a mobilización de 3,75M€, aforros económicos anuais de 300.000 euros, así como a redución de emisións e aforros anuais de 6000MWh de enerxía. Tamén posibilitará a creación ou mantemento de 37 empregos.

Con esta liña de axudas, o Goberno galego segue avanzando no seu obxectivo de fomentar o uso de enerxías renovables, neste caso nos fogares, coa importante redución de custos enerxéticos que supón fronte a outro tipo de enerxías. Na convocatoria do ano pasado víronse beneficiados 522 fogares. Mentres que na liña para empresas e entidades locais se outorgaron 86 axudas.

Unha das beneficiarias foi a residencia de maiores San Xoán de Río, xestionada pola Fundación San Rosendo, que instalou unha caldeira de biomasa para a climatización do complexo. O proxecto recibiu unha axuda do Inega de ao redor de 65.000 euros e permitirá un importante aforro enerxético que tamén favorecerá un aforro económico de 40.000 euros ao ano na compra de combustible.

Últimas novas