O Inega explica a estudantes de FP o funcionamento da Rede de Enerxía da Xunta de Galicia

O Inega explica a estudantes de FP o funcionamento da Rede de Enerxía da Xunta de Galicia

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas e director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vila, participou hoxe nunha xornada cun grupo de estudantes de FP das ramas de informática e electricidade

Esta actividade, que se desenvolveu nas dependencias do Inega, está enmarcada dentro da Semana da Administración Aberta, organizada pola consellería de Facenda

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas e director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vila, participou hoxe nunha xornada cun grupo de estudantes de FP das ramas de informática e electricidade para darlles a coñecer o funcionamento da Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (Redexga).

Esta actividade está enmarcada dentro da Semana da Administración Aberta, organizada pola consellería de Facenda e nela participou o persoal técnico do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), onde se desenvolveu a charla, e do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).

Aos participantes explicáronselles os obxectivos da Redexga, as vantaxes da contratación centralizada de enerxía no sector público autonómico, o contexto normativo no que se desenvolve e, tamén, puideron coñecer a plataforma de software de xestión da rede de enerxía da Xunta.

O Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria, é responsable da xestión da Redexga, que ten como finalidade mellorar as condicións das contratacións centralizadas de enerxía para minimizar os custos da factura enerxética nas dependencias da Administración autonómica.

Comezou en 2013 coa contratación centralizada de electricidade, en 2015 a de gas natural, posto que ambas as dúas son as que abranguen a maior parte dos consumos enerxéticos dos edificios da Xunta e, posteriormente, incorporouse o gasóleo C. Estas contratacións centralizadas permitiron acadar uns mellores prezos da enerxía nas sucesivas adxudicacións.

Na actualidade, a Redexga conta cun total de 2.721 centros adheridos ás contratacións centralizadas de electricidade (2.106), gas natural (246), gasóleo C (366) e Sogama (3 de electricidade). O consumo global destas tres fontes enerxéticas sitúase por riba dos 1.000 GWh ao ano.

Últimas novas