A Xunta amplía ata os 5 M€ os fondos para financiar actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias galegas

A Xunta amplía ata os 5 M€ os fondos para financiar actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias galegas

 Ata o momento, esta liña de apoios convocada o pasado ano beneficiou un total de 72 empresas, autónomos, comunidades de regadío e asociacións de produtores en Galicia cun importe de 3,2M€ que van xerar un investimento asociado de 10,7M€

Agora, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a contía amplíase en 1,7M€ máis cos que se estima poder apoiar outras 28 actuacións máis

Son axudas para a implantación de enerxías renovables nas explotacións agropecuarias e para a renovación das instalacións de regadío e dos equipos de bombeo, que lle permitan reducir o consumo final de enerxía ata un 10% e abaratar así, a factura eléctrica

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2024

A Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de ampliar en 1,7M€, ata os 5M€ en total, os fondos da convocatoria de axudas para financiar actuacións de eficiencia enerxética no sector agropecuario galego, coa previsión de chegar a un cento de beneficiarios.

Ata o momento, esta liña de apoios convocada o pasado ano beneficiou un total de 72 empresas, autónomos, comunidades de regadío e asociacións de produtores en Galicia cun importe de 3,2M€ que van xerar un investimento asociado de 10,7M€. Agora, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), a contía amplíase en 1,7M€ máis cos que se estima poder apoiar outras 28 actuacións máis.

En concreto, os apoios, de ata un máximo de 1M€ por expediente, van destinados a promover a implantación de enerxías renovables nas explotacións agropecuarias e á renovación das instalacións de regadío e dos equipos de bombeo que lle permitan reducir o consumo final de enerxía ata un 10% e abaratar así, a factura eléctrica. 

Cóbrense, por exemplo, actuacións sobre a envolvente térmica que reduzan a demanda de calefacción e refrixeración dos edificios agropecuarios (fachadas, cubertas, xanelas), incluíndo solucións bioclimáticas. Tamén sobre as instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, como poden ser as destinadas aos procesos de pasteurizacaión e conservación de produtos perecedoiros, á climatización de naves de gando e invernadoiros, refrixeración en procesos de fermentación do viño, etc., así como para o aproveitamento de calores residuais e novas redes de calor. 

Tamén se incentiva a implantación de enerxías renovables térmicas como enerxía solar térmica, biomasa, enerxía xeotérmica, enerxía ambiente (aerotermia ou hidrotermia), bombas de calor ou unha combinación de todas elas. A reforma ou substitución de instalacións de iluminación interior e iluminación exterior. E a renovación de motores para accionamentos mecánicos e outros servizos propios destas actividades.

No que respecta aos sistemas de regadío, as axudas cobren a substitución de grupos de bombeo por outros máis eficientes enerxeticamente; a implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos; o emprego de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega que contribúan de forma directa ao aforro de enerxía; ou a instalación ou substitución de baterías de condensadores para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións eléctricas das estacións de bombeo. Non serán elixibles aquelas actuacións que contribúan ao incremento no consumo de auga ou da superficie regable.

Para as empresas, a axuda non supera o 35 % do custo subvencionable da actuación, que se incrementa un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas, e un 10 % no caso de medianas empresas. 

Últimas novas