A Xunta apoia a aposta do comercio compostelán pola modernización e a dixitalización

foto
A Xunta apoia a aposta do comercio compostelán pola modernización e a dixitalización

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe os establecementos Vide, Vide! e Cultura Urbana, que participaron no programa de axudas para a modernización e a dixitalización co que o ano pasado se mobilizaron investimentos por máis de 112.000€ en 25 negocios da cidade
 

A esta convocatoria, que contará este ano con 3 M€, súmanse as do fondo tecnolóxico, que alcanzarán os 5,6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou hoxe o impulso da Xunta de Galicia á transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade compostelán. Heredia visitou os establecementos Vide, Vide! e Cultura Urbana, que participaron no programa de axudas para a modernización e a dixitalización dos comercios e obradoiros artesáns, co que o ano pasado se mobilizou un investimento público-privado de máis de 112.000 euros en 25 negocios da cidade.

Este ano este programa contará cun orzamento de 3 millóns de euros, e sumarase á axuda do fondo tecnolóxico, única dotada con fondos europeos Next Generation, e centrada en aspectos como a transformación dixital, a eficiencia enerxética e a mellora da experiencia de compra dos usuarios, entre outros aspectos. No mes de decembro lanzouse unha primeira convocatoria do fondo tecnolóxico, con 2,7 millóns de euros de orzamento. En fase de resolución, o programa tivo unha grande acollida, con máis de 367 axudas solicitadas. A segunda convocatoria publicarase nesta primavera cun importe de 2,9 millóns de euros, alcanzando así os 5,6 millóns de euros.

En total, este ano destínanse 24 millóns de euros a impulsar a competitividade do sector comercial e artesanal; crear un hub de innovación comercial e artesanal para desenvolver novos modelos de negocio e mellorar a competitividade do sector; así como impulsar a formación e capacitación para os profesionais deste ámbito, entre outros aspectos. As medidas específicas da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que se suman aos apoios doutros departamentos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -como Inega e Igape-, así como da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, irán en liña co diagnóstico realizado co sector a partir de enquisas ás asociacións, estudos do sector e agrupacións sectoriais.

Últimas novas