A Xunta reafirma o seu compromiso coa transición enerxética cunhas xornadas informativas sobre o sistema de Certificados de Eficiencia Enerxética

Avanza que Galicia é a segunda Comunidade autónoma de España en termos de aforro certificado grazas ás 67 actuacións rexistradas no ano 2024, a maior parte delas realizadas polo sector industrial
Lembra que o sistema CAEs incentiva o investimento en tecnoloxías eficientes, reduce custos para os consumidores e fomenta a innovación, ademais de xerar beneficios económicos e sociais ao permitir o intercambio de eficiencia por diñeiro e promover un sector empresarial máis competitivo
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asegurou esta tarde que o mercado do sistema de Certificado de Aforro Enerxético (CAE) representa unha oportunidade crucial para acelerar a descarbonización e consolidar as empresas nunha posición de liderado desde o punto de vista da sustentabilidade e da competitividade. Un camiño no que o Goberno galego está a facer un importante esforzo para acompañar o tecido empresarial de Galicia na transición enerxética.
Fernández Vila participou na inauguración da xornada técnica Sistema de Certificados de Aforro Enerxético (CAEs), organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España. Alí, lembrou que o sistema CAEs -orixinado en 2023 para dar cumprimento aos obxectivos de eficiencia enerxética fixados, tanto a nivel europeo como nacional-, impón a determinadas entidades como poden ser as comercializadoras de gas e electricidade ou aos operadores de produtos petrolíferos ou gases licuados, entre outros, o cumprimento das obrigas de aforro enerxético que establece a normativa actual neste eido.
O Certificado de Aforro Enerxético (CAE) é un documento electrónico que acredita a consecución dun aforro no consumo de enerxía final logo da implantación de proxectos ou medidas de eficiencia enerxética. O obxectivo, explicou Fernández Vila, é incentivar o investimento en tecnoloxías eficientes, reducir custos para os consumidores e fomentar a innovación, ademais de xerar beneficios económicos e sociais ao permitir o intercambio de eficiencia por diñeiro e promover un sector empresarial máis competitivo. E, ao fío, lembrou que cada CAE representa un valor unitario de 1 kWh de aforro anual no consumo de enerxía final.
Finalmente, Pablo Fernández Vila subliñou que os bos datos rexistrados durante o ano 2024 respecto dos CAE solicitados son unha boa mostra do compromiso do tecido industrial e da cidadanía galega coas políticas de eficiencia enerxética e sitúan á Comunidade como a segunda rexión en termos de aforro certificado, cun total de 421,9 GWh e 67 actuacións solicitadas.