A Xunta subliña que o almacenamento é clave para garantir a viabilidade dos proxectos de enerxías renovables

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asistiu á VI edición do Renmad Almacenamento 2025
Explicou que o almacenamento é esencial para promover a eficiencia e a incorporación de máis renovables no mix enerxético
Sevilla, 27 de marzo de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asistiu onte á VI edición do Renmad Almacenamento 2025 onde subliñou que se trata dun elemento clave para garantir a viabilidade técnica e económica dos proxectos de enerxías renovables. “O almacenamento é esencial se falamos de eficiencia e se queremos promover a incorporación de máis renovables no mix enerxético”, dixo.
Na súa intervención, o director sinalou que en Galicia existe un déficit significativo de xeración renovable nos meses estivais e apuntou que precisamente por iso “é necesario establecer estratexias de almacenamento estacional que permitan equilibrar a oferta e a demanda ao longo do ano”
Segundo dixo, trataríase dunha combinación de actuacións que inclúan o incremento da capacidade de xeración eólica, a reserva estacional a gran escala, e o uso de sistemas de almacenamento electroquímico para estabilizar a rede. Neste marco, explicou que en Galicia hai en tramitación 18 proxectos de almacenamento que representan preto de 158 MW, aos que habería que engadir os potenciais proxectos de bombeo reversible en Viana do Bolo, Cerceda ou As Pontes.
De igual xeito, valorou positivamente o anuncio da convocatoria de axudas para proxectos innovadores de almacenamento, pois é fundamental apostar polo desenvolvemento da tecnoloxía neste eido que permitirá aumentar a capacidade de xeración renovable, aínda que os prazos esixidos para estas actuacións inviabilizará que poidan entrar proxectos de bombeo reversible. Ademais, tamén incidiu na importancia de que o Goberno central publique canto antes un mercado de capacidade que teña en conta todas as tecnoloxías, e que reforce as redes de transporte e distribución, como medidas complementarias que axuden a fomentar o almacenamento.
Finalmente, Fernández Vila, destacou que a Comunidade galega aposta por un uso racional e eficiente dos recursos naturais, tal e como se plasma na Lei de Recursos Naturais de Galicia, baseada en que os proxectos enerxéticos xeren riqueza social e económica no territorio; ou na obrigatoriedade de repotenciar os parques eólicos máis antigos.