Lorenzana sinala a necesidade de que Galicia conte cunha sólida rede de puntos de recarga para vehículos eléctricos

LorenzanaPuntoRecarga
Lorenzana sinala a necesidade de que Galicia conte cunha sólida rede de puntos de recarga para vehículos eléctricos

Apunta que en tres meses estará operativo na páxina web da Consellería de Economía e Industria un visor que funcionará como un mapa interactivo onde facer consultas en tempo real sobre a localización destas instalacións na Comunidade

Sanxenxo (Pontevedra), 22 de marzo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe no Hotel Augusta Eco Wellness Resort un punto de recarga de vehículos eléctricos inscrito no novo rexistro creado pola Administración autonómica, quen traballa, dixo, no obxectivo de dotar Galicia dunha sólida rede de infraestruturas deste tipo para seguir avanzando na electrificación do parque móbil galego.

A conselleira sinalou que a idea é que os usuarios de vehículos eléctricos saiban onde dispoñen destas instalacións para planificar mellor o seu traxecto e os tempos de recarga. E, para iso, apuntou que, ademais deste rexistro, en tres meses estará operativo na páxina web da Consellería de Economía e Industria un visor que funcionará como un mapa interactivo onde facer consultas en tempo real.

Na actualidade, Galicia é a novena Comunidade en puntos de recarga, con 4.042 instalacións, das cales 999 son de acceso público, un 25 %. Por provincias: A Coruña dispón de 1.669 (396 de acceso público); Pontevedra, 1.513 (336 de acceso público); Lugo, 512 (165 de acceso público); e Ourense, 348 (112 de acceso público). Por tipoloxías, a maioría, de carácter privado, están instalados en aparcamentos de vivendas unifamiliares ou de edificios (3.038); en empresas (329); en estacionamentos públicos (233); estacións de servizo (163); talleres e concesionarios (101); vías dominio público (62) e outras localizacións (116).

Lorenzana salientou que o obxectivo do Goberno galego é que a industria da automoción en Galicia afronte o proceso de transición cara á electrificación con todas as garantías; de aí, o orzamento do Plan director que, xunto co programa extraordinario de axudas que se destinaron este ano á industria auxiliar, suma en total máis de 230 M€ que a Xunta vai destinar a este sector de cara ao 2027.

Pero unha transición con todas as garantías implica, tamén, coidar a parte da comercialización e do apoio aos consumidores que son o último elo de toda esta cadea, dixo. Nese sentido, xunto co Plan Renova o teu Vehículo (3,1 M€) –que foi un éxito porque xa esgotou o crédito para particulares en apenas dous meses-; o Moves -co que a Xunta leva investido desde 2019 máis de 45 M€ en axudas para a compra de vehículos eléctricos e puntos de recarga-; este rexistro é un paso máis no obxectivo de facer extensiva a electrificación a todo o parque móbil de Galicia e dar facilidades aos consumidores.

Últimas novas