Lorenzana volve reclamar ao Goberno central unha resposta axeitada ás demandas de consumo da industria galega

Lorenzana volve reclamar ao Goberno central unha resposta axeitada ás demandas de consumo da industria galega

Demanda ao Estado unha rede de transporte que poida dar saída á enerxía renovable e facilite a atracción de novos investimentos

“isto é unha peza clave para o abaratamento da enerxía e para o crecemento da industria”, subliña a titular de Industria do Goberno galego

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, volveu reclamar hoxe ao Goberno central que dea “unha resposta axeitada ás demandas de consumo da industria galega e tamén de evacuación da enerxía eólica”.

Lorenzana, respondeu a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento galego sobre enerxía na que insistiu unha vez máis en que o Goberno central debe dar xa “unha solución enerxética á industria galega e dar saída á enerxía renovable”, algo que tildou de imposible “se non hai unha boa rede de transporte”, subliñou.

Nesa liña, explicou que unha peza clave para o abaratamento da enerxía é dispoñer dunha “conexión e dunha rede de transporte adecuada” e sen ela “non se pode acometer unha consolidación de crecemento da industria que xa está no territorio nin atraer novos investimentos”, dixo.

Durante a súa intervención a conselleira apuntou que a Xunta está a traballar nunha estratexia de planificación enerxética baseada no binomio enerxía-industria, “e podemos facelo porque temos os recursos”, sinalou. Neste sentido aludiu á Lei de Recursos Naturais de Galicia que busca que os beneficios do aproveitamento deses recursos naturais como son o vento, a auga ou os recursos mineiros recaian no territorio de xeito “que permitan abaratar o prezo da enerxía e de que pouco a pouco vaiamos incrementando o peso que ten o desenvolvemento e o emprego industrial no noso PIB”, destacou.

Finalmente, María Jesús Lorenzana, fixo fincapé na necesidade de “traballar para facer crecer a industria que temos pero tamén para atraer nova industria á Comunidade”, pero para iso é imprescindible o reforzo da rede de transporte -competencia do Estado- e por iso “temos que esixirlle na nova planificación enerxética permita que en Galicia se poidan desenvolver proxectos industriais”, subliñou.

Últimas novas

LorenzanaPuntoRecarga