A Xunta salienta que os certificados de aforro enerxético supoñen unha oportunidade para avanzar na descarbonización da economía

A Xunta salienta que os certificados de aforro enerxético supoñen unha oportunidade para avanzar na descarbonización da economía
A Xunta salienta que os certificados de aforro enerxético supoñen unha oportunidade para avanzar na descarbonización da economía

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou nunha xornada sobre esta materia organizada pola asociación A3E

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, sinalou esta mañá, na apertura dunha xornada sobre certificados de aforro enerxético (CAEs), que estes supoñen unha oportunidade para avanzar en eficiencia e nos obxectivos de descarbonización. Así, Fernández Vila sinalou que este novo sistema permite que se valorice a execución de proxectos de aforro polos diferentes sectores económicos e sociais de forma máis áxil.

No encontro, organizado pola Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética (A3E), o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais apuntou que o sistema de CAEs xorde da necesidade de xerar novos aforros de enerxía a través da realización de proxectos de eficiencia enerxética, e que, deste modo, España cumpra coas obrigas adquiridas coa Unión Europea neste eido. Ao mesmo tempo, facilítase o investimento en tecnoloxías de eficiencia enerxética impulsando un mercado neste sector.

Neste sentido, tal e como sinalou Fernández Vila, unha vez rexistrados na Comunidade Autónoma (en Galicia deben presentarse no Inega), os CAEs pódense liquidar ou comercializar, e así, á tan necesaria concienciación social de cumprimento dos obxectivos de descarbonización súmase un incentivo económico.

Así mesmo, Fernández Vila destacou que o Inega vén de informar favorablemente a primeira actuación susceptible de CAE en Galicia a semana pasada.

Últimas novas