A Xunta impulsa axudas por 1,27 M€ para que o sector agrícola primario optimice o seu consumo enerxético e aposte polas renovables

A Xunta impulsa axudas por 1,27 M€ para que o sector agrícola primario optimice o seu consumo enerxético e aposte polas renovables
A Xunta impulsa axudas por 1,27 M€ para que o sector agrícola primario optimice o seu consumo enerxético e aposte polas renovables

Os apoios, que poden solicitarse ata o vindeiro 30 de maio, permitirán a mobilización de 4,3 millóns de euros

Posibilitarán un aforro duns 400.000 euros ao ano e unha redución de emisións de CO2 equivalente a plantar 36.000 árbores

Apoiarase a promoción de instalacións de enerxías renovables eléctricas mediante instalacións fotovoltaicas ou minieólica, e actuacións de mellora da eficiencia enerxética

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ten en marcha unha nova convocatoria de axudas dotada con 1,27 millóns de euros co obxectivo de que empresas e autónomos do ámbito agrícola primario poidan optimizar o seu consumo enerxético e desenvolver proxectos de enerxías renovables eléctricas.

Os apoios, que poden solicitarse ata o vindeiro 30 de maio, favorecerán a mobilización de 4,3 millóns de euros e un aforro de enerxía anual equivalente a 264.000 litros de gasóleo. Neste sentido, os beneficiarios aforrarán uns 400.000 euros ao ano no abastecemento enerxético grazas a estes apoios, mentres que o impacto na redución de CO2 é o equivalente a plantar 36.000 árbores. En concreto, apoiarase a promoción de enerxía renovable eléctrica mediante instalacións fotovoltaicas ou minieólica, e actuacións de mellora da eficiencia enerxética.

Mediante esta convocatoria, en concorrencia competitiva e financiada con fondos FEADER, serán subvencionables actuacións que se executen en zonas rurais e teñan un investimento mínimo de 5.000 euros por solicitude (IVE non incluído). A contía da axuda é do 30 % do custo elixible no caso de grandes empresas, do 40 % para medianas e do 50 % para pequenas empresas, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 euros por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo no que se establece unha axuda máxima de 500.000 euros por proxecto e por empresa.

Con esta convocatoria búscase reducir os custos enerxéticos e a factura de enerxía das empresas e autónomos do sector agrícola primario galego para mellorar a súa competitividade, diminuír o consumo de enerxías convencionais para reducir a dependencia enerxética dos derivados de petróleo, aumentando a eficiencia enerxética e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible, e propiciar unha mellora socioeconómica das áreas rurais e a súa protección ambiental.

Á hora de seleccionar os proxectos, ademais de valorar as características técnicas dos mesmos, primaranse as explotacións inscritas na sección de explotacións agrarias prioritarias do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Tamén se outorgarán puntos en función da renda dispoñible bruta por habitante do concello no que se desenvolvan, priorizando os que se ubiquen en zonas economicamente menos favorecidas.

Últimas novas