A Xunta impulsa con 2,4 M€ a modernización e mellora da competitividade das principais cadeas de valor do sector mineiro galego

A Xunta impulsa con 2,4 M€ a modernización e mellora da competitividade das principais cadeas de valor do sector mineiro galego

Fernández Vila lembra que a galega é a segunda comunidade en canto a emprego mineiro e a cuarta en canto a valor de produción co 9´5 %, ademais de continuar líder nacional en fabricación de pedra natural

O director xeral explicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria de axudas ao sector, que se poderán pedir a partir do vindeiro 9 de abril e que incorpora unha nova liña destinada á mellora da eficiencia enerxética da empresas

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou esta mañá a minería como un sector fundamental da economía galega e un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial. Un papel, avanzou, que “o Goberno galego quere impulsar cunha liña de apoios que fortalecerán a competitividade do sector a través dun proceso sostible de innovación tecnolóxica e de crecemento empresarial que permitirá xerar riqueza e emprego”.

Fernández Vila realizaba estas declaracións no transcurso da clausura das xornadas Galicia, clave na autonomía europea de minerais, organizadas pola Cámara Mineira, onde puxo en valor as cifras acadadas por esta industria no último ano. Segundo se recolle nos Datos da Estatística Mineira, publicada hai escasos días na web do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que Galicia representa o 9,5% da produción mineira de España e segue a ser líder nacional en produción de pedra natural, tanto en lousa, como en granito.

Nesta liña, Fernández Vila asegurou que estas boas cifras sitúan á Comunidade galega como a cuarta rexión de España en valor de produción, tan só por detrás de Andalucía, Castela e León e Cataluña, ata alcanzar os 337 millóns de euros en 2023 (7 millóns de euros máis respecto de 2022, e 55 respecto de 2021). “E o que é máis importante – subliñou o director xeral - escalamos postos en canto a emprego mineiro e xa somos a segunda comunidade autónoma con 3.711 persoas traballadoras de forma directa o que supón un 10% máis que hai dous anos”.

Nova liña de axudas

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas aproveitou para explicar que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria da liña de axudas do Goberno galego para incentivar a sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia. Uns apoios que contarán cun orzamento de 2,4 millóns de euros e que incorporan unha nova liña destinada á mellora da eficiencia enerxética da empresas do sector, especialmente das que se dedican ao envasado de auga mineral natural e as empresas de explotación de balnearios.

No que respecta ao resto de liñas desta nova convocatoria da Consellería de Economía e Industria, Pablo Fernández lembrou que inclúen apoios para investimentos destinados a incrementar a protección do medio ambiente da zona afectada pola actividade mineira, para mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde dos postos de traballo nas explotacións mineiras, así como das persoas traballadoras en centros de elaboración de rocha ornamental mediante a redución da exposición ao po nos seus postos de traballo. Así mesmo, inclúe unha liña para investimentos destinados a mellorar a conservación e a xestión sustentable dos acuíferos e/ou captacións dos aproveitamentos das augas minerais, termais e de manancial e outra para investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación, así como o seu seguimento anual e renovación das normas UNE 22480: 2019 «Sistema de xestión mineira sustentable. Requisitos» e UNE 22470: 2019 «Sistema de xestión mineiro–mineralúrxica–metalúrxica sustentable. Indicadores», que acreditan a implantación dun Sistema de xestión mineira sustentable nas empresas do sector mineiro.

Finalmente, Pablo Fernández Vila insistiu en destacar o traballo serio e rigoroso do Goberno galego para impulsar un sector clave da economía pero sempre desde a máxima dunha minería sustentable e respectuosa co medio ambiente, coas persoas e co patrimonio. E, ao fío, lembrou que o proceso de transición ecolóxica e dixital se abastece de xeito sostible coas materias primas autóctonas. De feito, a industria das materias primas minerais ten un papel clave como provedora de sectores estratéxicos de Galicia nos que se pretende avanzar cara a un novo modelo industrial baseado nunha economía descarbonizada e dixitalizada, como pode ser a automoción, o téxtil, a electrónica, a construción ou a agricultura e gandaría.

Últimas novas

LorenzanaPuntoRecarga